Ata 1923, cando tivo lugar o devastador terremoto de Toquio, as mulleres non podían traballar no Xapón. A partir desa data, o mercado laboral comezou a abrirse timidamente ás mulleres.
Nesa situación, unha moza que non quería casar cos pretendentes que lle propoñían e que, ademais, era pobre, tiña moi poucas saídas. Para Ikko, o comezo da Segunda Guerra Mundial e a posibilidade de que as mulleres traballasen para o exército foi a última opción.
Sen pensalo dúas veces, presentouse na base aérea da súa illa. Aceptárona para traballar no corpo auxiliar e de mantemento da base. Para Ikko, a disciplina militar era case un alivio, pois tiña que baixar a cabeza e obedecer cegamente, xusto como na casa, pero alí pagábanlle un salario. E dispor de cartos propios era algo que nunca imaxinara.
Co tempo, fóronse tecendo relacións entre os pilotos de combate e o persoal feminino da base. Ikko namórase dun mozo piloto de Osaka, e mantén con el un romance ambiguo, rodeada de medo e morte. Ata que chegan á base os primeiros kamikazes.